Skip to main content

Novas

Padrón acolle do 22 ao 31 de marzo as «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea»

lamprea-padron

Nove restaurantes do municipio ofrecerán «menús lampreeiros», previa reserva, a un prezo de 30 euros

 

A programación de actividades coordinada polo concello inclúe actividades divulgativas nos centros educativos, obradoiros para aprender a facer empanadas de lamprea, rutas e escapadas turísticas e un concurso de empanadas de lamprea

 

A Concellaría de Turismo de Padrón, que dirixe Lorena Couso Dopazo, vén de programar para as fins de semana do 22, 23 e 24 e do 29, 30 e 31 de marzo as «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea«, que contarán coa participación de nove restaurantes e que incluirán diferentes actividades divulgativas, lúdicas e culinarias.

Nesta quinta edición, os establecementos que ofrecerán «menús lampreeiros«, previa reserva e a un prezo de 30 euros por persoa, son os seguintes: Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante A Casa dos Martínez, O Alpendre, Bar Cafetería H2O, Restaurante Gaia (A Casa da Corredoira) e Os Carrisos. Entre todos eles poderanse degustar alomenos unha quincena de pratos elaborados con lamprea, sendo a «lamprea á bordelesa» a receita máis común.

A maiores desta oferta culinaria, as «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea» inclúen actividades divulgativas sobre a lamprea nos centros educativos de Padrón durante os meses de febreiro e marzo; unha xincana da lamprea o venres 23 de marzo ás 17.00 horas, orientada ao público infantil e familiar e que require inscrición previa na Biblioteca antes do 21 de marzo (981 810 761 ou biblioteca@padron.gal); e un obradoiro para aprender a preparar empanadas de lamprea, que terá lugar o sábado 24 de marzo ás 17.00 horas no edificio de Servizos Sociais -é gratuíto, pero require inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono 646 59 33 19 ou por correo electrónico no enderezo turismo@padron.gal.

Ademais, tamén está previsto o venres 29 de marzo ás 20.00 horas un concurso de empanadas de lamprea, que será gratuíto pero que precisa inscrición previa na Oficina de Turismo antes do mércores 27 de marzo. Os participantes optarán a un total de 600 euros en premios, repartidos nun primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros.

Ruta da lamprea en Herbón e escapadas en Padrón

A programación de actividades coordinada pola Concellaría de Turismo tamén inclúe unha ruta da lamprea en Herbón o sábado 30 de marzo, que arrancará ás 10.00 horas desde o convento franciscano cunha visita guiada e que consistirá nun percorrido de aproximadamente unha hora de duración, coa participación dun biólogo que aportará un enfoque medioambiental á visita. Esta actividade é de balde pero as prazas son limitadas e precisa reserva previa na Oficina de Turismo.

Por último, en colaboración co operador Galicia Es Mas organizaranse escapadas en Padrón para as dúas fins de semana destas «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea«, que inclúen as actividades de balde do programa e o aloxamento nun hotel de tres estrelas por un importe desde 28 euros por persoa.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *