Skip to main content

Padron Turismo

Premiados no Concurso de empanadas de lamprea de Padrón

O Concello de Padrón concedeu o pasado venres 9 de marzo os premios do Concurso de empanadas de lamprea no Auditorio municipal aberto a todo o público e que contou con 600€ en premios

concurso-empanadas-lamprea-padron

No primeiro andar do Auditorio Municipal do Concello de Padrón, sendo as vinte horas do día nove de marzo de dous mil dezaoito, asisten Lorena Couso Dopazo, concelleira de Turismo de Padrón, don José Antonio Rivera do restaurante Chef Rivera de Padrón, don Ángel Rodríguez do restaurante O Santiaguiño de Padrón, don Óscar Vidal do Restaurante o Asador O Pazo, e don Miguel Piñeiro, escritor e xornalista especializado, e Alberto Rey Castro, técnico de turismo como secretario do acto, co obxecto de proceder a valorar as empanadas do Comcurso de empanadas de lamprea IV Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón celebradas os días 2, 3, 4, 9, 10, e 11 de marzo de 2018 e outorgar os premios do xurado.

Tras probar todas as 8 empanadas que se presentaron, o xurado decidiu o seguinte:

1º premio a Carmen Castaño Solar cun total de 50 puntos e 300,00€ de premio.

2º premio a Marina Rial Pérez cun total de 42 puntos e 200,00€ de premio.

3º premio a Nuria María Moares Boquete cun total de 35 puntos e 100,00€ de premio.

A entrega dos premios e diplomas aos gañadores, entregáronse o mesmo venres 9 de marzo no Auditorio Municipal Salón de Padrón, ás 20:30 horas.

600 euros en premios para o concurso de empanadas de lamprea en Padrón

O Concello de Padrón realiza este venres 9 de marzo ás 20h un Concurso de empanadas de lamprea no Auditorio municipal aberto a todo o público e que conta con 600€ en premios

lamprea-padron

Dentro das IV Xornadas gastronómicas da lamprea de Padrón o consistorio organiza este evento co obxectivo de poñer en valor este produto gastronómico de gran tradición na localidade, onde é típico realizar a empanada en Timbal, (coma aparece no cartaz promocional do concurso) coa lamprea enteira da empanada.

Desta forma tamén se pretende recuperar un concurso de empanadas de lamprea que xa se viña realizando na década dos 90 polas festas da Pascua, e que tiña un grande éxito de participación.

Este ano o xurado estará composto por don José Antonio Rivera do restaurante Chef Rivera de Padrón, don Ángel Rodríguez do restaurante O Santiaguiño de Padrón, don Óscar Vidal do Restaurante o Asador O Pazo, e don Miguel Piñeiro, escritor e xornalista especializado, que repartirán 600€ en premios, sendo 300€ para o primeiro premio á mellor empanada de lamprea; seguidos por un segundo premio valorado en 200€ e un terceiro en 100€.

Trala entrega dos premios, as empanadas do concurso poderán ser degustadas polo público asistente.

Actividades das Xornadas Gastronómicas da lamprea en Padrón, 2 ao 4 de marzo

Xa non queda nada para as próximas Xornadas da Lamprea en Padrón. Lembramos as próximas actividades:

actividades-didacticas-lamprea

 

Venres 2 de marzo, actividade en familia cunha ximcana.

Obradoiro aberto para toda a familia, que de xeito conxunto, poderán aprender todos os segredos que agocha a lamprea.

Realizaranse diferentes probas periodísticas, entrevistas e xogos na Biblioteca Municipal de Padrón e polo casco histórico de Padrón, descubrindo todo o que nos ofrece este animal.

 

 

 

 

taller-de-cocina

 

Sábado 3 de marzo, curso de cociña con lamprea. Sabes limpar e preparar a #lamprea? Din que é o proceso máis importante para que a lamprea cociñada teña un bo sabor…

Este ano, e tras o éxito do ano pasado, volvemos a organizar un curso de cociña no que poderás aprender ese proceso, e ademais, poderemos formar parte dun grupo e cociñar a lamprea…

O taller, dirixido por Rocío Garrido, será o sábado 3 de marzo ás 17.00 h. As prazas son limitadas polas propias características do obradoiro, os asistentes serán por orden de inscrición.

Descubrindo as terras de Herbón entre pementos e lampreas…

Unha das actividades principais destas Xornadas Gastronómicas da Lamprea en Padrón, é a excursión de medio día polas terras de Herbón

ruta-lamprea-herbon

Itinerario de medio día polas beiras do río Ulla para coñecer a historia da lamprea e do pemento en Herbón. Os Pais Franciscanos guiarannos polo seu Convento de San Antonio de Herbón, moi vinculado á lamprea, a ‘Raíña do Ulla’. Acompañados por unha guía especializada, visitaremos as zonas de captura da lamprea do río Ulla: pesqueiras de Herbón.

Realizaremos unha pequena andaina pola Ruta do Pemento de Herbón (1 hora aproximadamente). No final da mañá, degustaremos a lamprea preparada con diferentes receitas. A degustación é opcional (ten un prezo de 10€ previa reserva antes do 7 de marzo).

10.00 h. Saída de Padrón en autocar cara a Herbón

10.30 h.Visita ao Convento Franciscano de Herbón

11.45 h. Andaina pola Ruta do Pemento de Herbón. Visita ás pesqueiras

13.00 h. Traslado a Padrón

13.30 h. Degustación da lamprea para persoas que teñan reserva

Opcional e recomendable: Menú de degustación de lamprea en Padrón. 25 € / persoa

Prezo excursión: De balde (sen degustación) previa inscrición antes do 7 de marzo. Con degustación: 10€ a pagar por transferencia bancaria.

Inclúe:

Andaina pola Ruta do Pemento e visita ás pesqueiras con guía acompañante

Degustación de lamprea e viño (opcional previo pago de 10€)

Visita guiada ao Convento de Herbón polos Pais Franciscanos

Seguro de básico de viaxe

+ info e reservas: Oficina de Turismo de Padrón

turismo@padron.gal /
646 59 33 19

 

Chegan as IV Xornadas Gastronómicas da lamprea en Padrón

Lamprea Padrón

Nove restaurantes ofrecen “menús lampreeiros” nas IV Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón

Os menús, que ofrecen ata unha quincena de maneiras diferentes de preparar a lamprea, poderán degustarse previa reserva cun prezo de 25 euros por persoa

– A programación de actividades complementarias organizadas pola Concellería de Turismo inclúe desde un concurso de empanadas de lamprea ata obradoiros de cociña

10 de febreiro de 2018.- A Concellería de Turismo de Padrón comezou hoxe a promocionar as “IV Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón“, que nesta edición inclúen preto dunha decea de actividades culinarias e de lecer e que contan coa participación de nove restaurantes locais, que serán os encargados de preparar os “menús lampreeiros” nas fins de semana dos días 2, 3, 4 e 9, 10 e 11 de marzo.

A concelleira de Turismo, Lorena Couso, avanzou que estas cuartas xornadas comezan xa neste mes de febreiro coa celebración de actividades divulgativas sobre a lamprea nos centros educativos de Padrón. Pero, sen dúbida, uns dos principais atractivos son os “menús lampreeiros” que ofrecerán, previa reserva e cun prezo de 25 euros por persoa, os seguintes restaurantes: O Secreto, Scala, Chef Rivera, Casa Farrucán, O Alpendre, Bar Cafetería H2O, A Casa dos Martínez, Flavia e Gaia “A Casa da Corredoira”.

Entre todos eles poderanse degustar ata unha quincena de maneiras diferentes de cociñar a lamprea: lamprea á bordelesa, fideuá de lamprea, croquetas de lamprea, empanada de lamprea, lamprea “como lle gustaba ao cura de Rois”, carpaccio de lamprea, etc.

Actividades desde o 2 de marzo
Ademais das accións divulgativas nos centros educativos, desde o venres 2 de marzo desenvolveranse outras actividades culinarias e turísticas. O propio 2 de marzo está prevista na Biblioteca Municipal unha xincana xornalística da lamprea orientada a todos os membros da familia. Para asistir é preciso inscribirse previamente, de forma totalmente gratuíta, antes do día 28 de febreiro, ben na propia biblitoeca ou ben chamando ao teléfono 981 810 761.

O sábado 3 de marzo celebrarase un obradoiro de cociña da lamprea con Rocío Garrido, que terá lugar a partires das 17.00 horas no edificio de Servizos Sociais, a carón da igrexa de Santiago. Esta actividade é de balde, pero require inscrición previa ou na Oficina de Turismo ou enviando un correo electrónico ao enderezo turismo@padron.gal.

Xa o domingo 4 de marzo está programada a andaina “Pedronía-Camiño sagrado” desde Santiago ata Padrón, que está organizada en colaboración con Galicia es+ e que inclúe un guía acompañante, unha visita ao Pedrón e viacrucis cara ao Santiaguiño do Monte. Esta actividade é de balde para as persoas que se apunten antes do 24 de febreiro (676 814 674 ou reservas1@galiciaesmas.com).

Concurso de empanadas de lamprea
Outra das actividades previstas é un concurso de empanadas de lamprea, que se celebrará o 9 de marzo ás 20.00 horas, pero que pechará o prazo de inscrición o día 1 de marzo. Os participantes poderán optar a un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros. As bases do concurso pódense consultar na Oficina de Turismo.

O sábado 10 de marzo tamén está programada unha ruta da lamprea en Padrón, que inclúe a visita ao convento franciscano de Herbón e ás pesqueiras de lamprea dos arredores, no río Ulla. Esta actividade é gratuíta, agás para os participantes que queiran participar nunha degustación de lamprea, que terán que pagar 10 euros por persoa. As reservas deberanse realizar na Oficina de Turismo de Padrón, en turismo@padron.gal e no teléfono 646 593 319.

Por último, as dúas fins de semana nas que se ofrecen os menús lampreeiros, a operadora Galicia es+ oferta un paquete de “escapadas en Padrón” que, desde 28 euros por persoa, inclúe as actividades de balde da programación e o aloxamento nun hotel de tres estrelas. As reservas destas escapadas poden efectuarse no teléfono 676 814 674 ou a través do correo electrónico reservas1@galiciaesmas.com.

Padrón conciencia aos escolares sobre a necesidade de conservar a lamprea e as súas tradicións

lamprea-Padron-didacticoEsta fin de semana será a última das III Xornadas Gastronómicas, que inclúen menús e actividades culturais e de lecer arredor deste peixe

As III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea” inclúen na súa programación actividades divulgativas nos centros educativos do municipio, co obxectivo que os máis pequenos coñezan os valores culturais arredor deste singular peixe.

Concretamente, este programa de promoción da lamprea entre escolares busca concienciar aos máis pequenos da vila sobre a necesidade conservar unha tradición que conta con séculos de historia: a captura deste singular peixe nas pesqueiras de Herbón.

A proposta divulgativa diríxese ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º curso de Educación Primaria dos C.E.I.P. Flavia e Rosalía; e consistirá no desenvolvemento dun traballo de investigación ao redor dos seguintes bloques temáticos: artes de pesca da lamprea, comercialización, xeitos de cociñar e de conservar, e vida e percorrido deste peixe. Para facer a investigación, os estudantes dividiranse por grupos, cursos e aulas.

Entre os traballos presentados seleccionarase un grupo gañador por curso, o cal terá a oportunidade de dar forma á súa iniciativa a través dunha montaxe audiovisual. Este vídeo poderá ter formato de entrevista, programa culinario, anuncio  publicitario ou sesión expositiva.

Última fin de semana do #PadrónLampreeiro

Os próximos 17, 18 e 19 de marzo celebrarase a segunda e última fin de semana das III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”, organizadas pola Concellería de Turismo do Concello de Padrón e nas que se poderán degustar un total de 10 menús diferentes en 9 restaurantes do municipio.

Como actividades paralelas do #PadrónLampreeiro, o sábado 18 de marzo se desenvolverá un obradoiro de cociña dirixido por Manuel Garea, quen descubrirá aos participantes as diferentes maneiras de preparar este manxar. No desenvolvemento da actividade empregaranse produtos cedidos pola empresa Obrador de Lamprea.

Ese mesmo día tamén está programada unha excursión ás zonas de captura de lamprea que incluirá degustación, servizo de autocar e guía. Finalmente, para as persoas que desexen pasar a noite en Padrón durante a fin de semana, existe a posibilidade de reservar escapadas.

Máis información sobre as Xornadas e as actividades na web: www.terrasdeiria.com/lampreapadron.

O valor gastronómico e cultural da lamprea, a debate en Padrón

lamprea-padron

Unha mesa redonda abre a programación de actividades das III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”

 

Un produto singular con posibilidades gastronómicas ilimitadas, un grande valor cultural e un importante potencial turístico. Estas foron as principais ideas expostas na mesa redonda titulada “A lamprea, unha xoia da gastronomía galega”, celebrada este venres no Auditorio de Padrón e que supuxo o comezo do programa de actividades das III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”.

O xornalista e escritor Miguel Piñeiro foi o encargado de moderar ese debate, no que participaron 5 relatores procedentes de diferentes ámbitos: Xosé Antonio Rivera (Chef Rivera), Benigno Campos (do programa Larpeiros da TVG), Miguel Vila (escritor e crítico gastronómico), Javi Mos (do ámbito das redes sociais) e Juan Carlos Alonso (do blog Gastronomía en Verso). Nas diferentes intervencións, os relatores expuxeron as súas experiencias persoais e profesionais e aproveitaron para desmontar algúns dos principais prexuízos que existen ao redor da lamprea. Ademais, animaron a probar este peixe de “textura singular” a todas aquelas persoas que aínda non o teñan degustado.

No transcurso do debate quedou constatada a fonda vinculación entre a lamprea e Galicia, especialmente as áreas xeográficas do Ulla e o Miño. Desta antiga relación derívase unha tradición que tamén deixa espazos para accións innovadoras: sempre que se manteña a calidade, as dúas posibilidades (tradición e innovación) son complementarias.

Ademais do potencial gastronómico que presenta este recurso, durante a celebración da mesa redonda se destacou o seu valor patrimonial. Nese senso, aludiuse ás oportunidades de fomento da actividade turística e cultural que poden aproveitar os territorios lampreeiros.

Como retos de futuro, abordouse a necesidade de actuar con responsabilidade sobre o medio ambiente, a fin de asegurar o futuro dun recurso que os relatores non dubidaron en cualificar como unha “xoia” da gastronomía de Galicia.

III Xornadas Gastronómicas Padrón Sabor a Lamprea

Co debate celebrado este venres deron comezo as III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”, que se celebran durante as fins de semana do 10, 11 e 12 e do 17, 18 e 19 de marzo. Durante estes días, poderanse degustar de 10 menús diferentes elaborados por 9 locais hostaleiros.

De xeito paralelo á oferta gastronómica desenvolveranse diferentes propostas divulgativas, culturais e de lecer; así como escapadas de fin de semana.

Máis información sobre as xornadas e as actividades na web: www.terrasdeiria.com/lampreapadron.

“Padrón Sabor a Lamprea” ofrece unha variada programación

menus-lampreeiros

As actividades desenvolveranse entre o 10 e o 19 de marzo co obxectivo de por en valor o mundo da lamprea

Comeza a conta atrás para unha nova edición das Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”. Durante as fins de semana do 10, 11 e 12 e do 17, 18  e 19 de marzo poderanse degustar un total de 10 menús de lamprea diferentes elaborados por 9 locais hostaleiros e gozar de múltiples actividades. Incluso existen varias opcións de escapadas de fin de semana pensadas para as persoas que queiran durmir na vila e así aproveitar ao máximo as distintas iniciativas programadas.

Baixo o lema Padrón sabor a lamprea, #PadrónLampreeiro’, a terceira edición desta cita gastronómica organizada pola concellería de turismo do Concello de Padrón incluirá novas propostas culturais orientadas a poñer en valor o mundo da lamprea. O obxectivo pasa por dinamizar a economía local e atraer tanto a visitantes como a turistas que fagan noite no municipio.

Menús lampreeiros

A cita gastronómica será unha nova oportunidade para saborear as variadas propostas da hostalería padronesa arredor deste peixe capturado no río Ulla. Os menús, que terán un prezo de 25 euros por persoa e funcionan baixo previa  reserva, poderán degustarse nos seguintes establecementos: O Secreto, Chef Rivera, Parrillada Flavia, Restaurante Scala, Casa Farrucán, A Casa dos Martínez, O Alpendre, Restaurante Gaia e Cafetería H2O.

Unha conferencia abrirá a programación, que inclúe propostas culinarias, divulgativas, culturais e de lecer

Como actividade divulgativa, o Auditorio de Padrón acollerá o venres 10 de marzo a conferencia titulada A lamprea, unha xoia da gastronomía galega, na que 5 relatores debaterán sobre este produto e o seu potencial desde distintos puntos de vista. Os participantes serán Xosé Antonio Rivera (Chef  Rivera), Benigno Campos (do programa Larpeiros da TVG), Miguel Vila (escritor e crítico gastronómico)  Javi Mos (do ámbito das redes sociais) e Juan Carlos Alonso (do blog Gastronomía en Verso). Moderando la mesa estará Miguel Piñeiro (escritor e xornalista).

Complementando a actividade anterior, o sábado 18 de marzo se desenvolverá un obradoiro de cociña dirixido por Manuel Garea, quen descubrirá diferentes maneiras de preparar este manxar. No desenvolvemento da actividade empregaranse produtos cedidos pola empresa Obrador de Lamprea.

En canto á programación de ocio e cultura, o sábado 11 de marzo haberá un itinerario de sendeirismo desde Santiago a Padrón seguindo o trazado da Pedronía. Unha guía de espazos naturais fará dese traxecto un camiño sensorial, onde haberá momentos para a sorpresa. A ruta inclúe tamén a visita ao afamado Pazo do Faramello.

E como o turismo gastronómico empeza por descubrir a cultura dos alimentos, organizaranse dúas excursións ás zonas de captura da lamprea: unha terá medio día de duración, mentres que a outra será de día enteiro. As  dúas opcións inclúen degustación de lamprea, servizo de autocar e guía.

A maiores, e pensando nas persoas que queiran pasar máis dunha xornada en Padrón aproveitando o evento gastronómico, existen escapadas de unha ou dúas noites, as cales inclúen as actividades anteriores xunto con aloxamento no municipio. Toda a información actualizada (datas, prezos, etc.) pódese consultar nesta web www.terrasdeiria.com/lampreapadron.

 

Obrador de lamprea, unha nova maneira de entender a lamprea…

obrador-lampreaQueremos dedicar estas liñas a unha empresa innovadora que consigue manter no mercado a lamprea máis aló dos meses de temporada. Como? A continuación o explicamos:

Obrador de Lamprea é unha empresa ubicada en O Porriño que comercializa a lamprea do Miño en conserva e afumada.

Recollen a tradición de tres xeracións dedicadas á cociña tradicional da lamprea, e transfórmana nunha nova forma de entender o seu mundo. Van moito máis alá de envasar lamprea… o que fan é envolver todo esa cultura para facela chegar á man dos cociñeiros e á mesa dos comensais. Permitindo comer lamprea os 365 días do ano.

Os seus produtos son naturais, sen conservantes nin colorantes, e son aptos para a restauración sen glute. Todas as lampreas foron capturadas polos pescadores do río Miño de maneira tradicional.

Unha morea de vantaxes para os cociñeiros que poden preparar lamprea a partir destes produtos xa elaborados; para pratos fríos, quentes ou temperados, e cunha data de consumo preferente de 24 meses a temperatura ambiente.

Os produtos tamén poden degustarse como entrante, con cachelos, lomiños sobre tomate natural, con tostas, en ensaladas… na súa web podemos ver varias receitas.

O día 18 de marzo, teremos a oportunidade de probar estes produtos, posto que o curso de cociña de lamprea será realizado con receitas que conteñen esta lamprea do Obrador de Lamprea. Este ano, a lamprea do Miño vén a visitarnos a Padrón…

Menús Lampreeiros con… Maica de Restaurante O Secreto

restaurante-o-secreto-padronCompartimos a primeira entrevista. Hoxe falamos con Maica do restaurante O Secreto que nos conta como empezou a traballar coa lamprea e como cada ano ten novos clientes que repiten…

1- Que lle parece a vostede a organización destas Xornadas da lamprea en Padrón. Considera o evento como unha acción positiva para a vila e para o seu local?

La organización me parece que hace las cosas bastante bien, aun teniendo poco apoyo. Es un evento positivo por tratarse de un producto de temporada.

2- Sobre a lamprea… que opina sobre a promoción que está a facer a administración turística con ese produto?

Siempre es interesante que se dé a conocer y se promocione, puesto que hay mucha gente que no conoce el producto. Nosotros cada año, gracias a la promoción que se le hace a la lamprea tenemos más clientes demandando el producto.

3- Vostede participa nas III Xornadas Gastronómicas Padrón Sabor a Lamprea. Desde cando cociña vostede a lamprea? Que tipo de receitas fai? Tradicionais como a ‘bordalesa’ ou ten outras máis modernas?

Empezamos a cocinar la Lamprea desde que empezaron las Jornadas, y lo hicimos preparando la Lamprea en distintas recetas, la primera que hicimos se parece a la bordelesa, pero hemos cambiado un poco la receta: no utilizamos sangre y utilizamos un arroz negro Venere Integral. Cada año vamos haciendo nuevas recetas, algunas de ellas pensadas para la gente que aún nunca ha probado el producto.

4- Sobre os seus clientes que veñen a comer lamprea… hai clientes que repiten todos os anos? Que tendencia nota? Ten cada vez máis xente pedindo probar lamprea?

Tenemos clientes que vienen desde el primer año y cada año repiten. Cada año tenemos más reservas y sobre todo de clientes que nunca habían probado antes la lamprea, porque la preparamos con un menú degustación.

5-  Que significa (persoalmente/profesionalmente) para vostede a lamprea? Defina a lamprea en 4 palabras:

Definirlo no es fácil: peculiar por su formato, en sabor no es carne ni pescado, producto de temporada…