Skip to main content

Novas Noticias

Concurso de empanadas de lamprea en Padrón

concurso-empanadas-lamprea-padron

O Concello de Padrón celebra de novo o Concurso de Empanadas de Lamprea o venres 29 de marzo ás 20h

Dentro das V Xornadas gastronómicas da lamprea de Padrón o consistorio organiza este evento co obxectivo de poñer en valor este produto gastronómico de gran tradición na localidade, onde é típico realizar a empanada en Timbal, (coma aparece no cartaz promocional do concurso) coa lamprea enteira da empanada o vindeiro venres 29 de marzo ás 20h no Auditorio Municipal de Padrón.

Repartiranse 600€ en premios, sendo 300€ para o primeiro premio á mellor empanada de lamprea; seguidos por un segundo premio valorado en 200€ e un terceiro en 100€.

Despois do éxito de persoas interesadas no obradoiro para aprender a facer empanadas de lamprea que se celebra este sábado 23, do que seguro sae máis dun e dunha participante para o concurso, o concello espera que a xente se anime a participar neste concurso tan singular da nosa vila.

xurado estará composto por don José Antonio Rivera do restaurante Chef Rivera de Padrón, don Ángel Rodríguez do restaurante O Santiaguiño de Padrón, don Óscar Vidal do Restaurante o Asador O Pazo, e don Miguel Piñeiro, escritor e xornalista especializado.

O prazo de inscrición é ata o mércores 27 de marzo na Oficina de Turismo, no teléfono 646 59 33 19 ou no correo electrónico turismo@padron.gal

Trala entrega dos premios, as empanadas do concurso poderán ser degustadas polo público asistente.

Consulta as bases seguindo esta ligazón

As «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea» comezan con actividades escolares divulgativas

actividades-escolares-lamprea

Nove restaurantes do municipio ofrecerán «menús lampreeiros», previa reserva, a un prezo de 30 euros

Diversas actividades divulgativas sobre a lamprea abriron nas últimas semanas nos centros educativos de Padrón a programación das «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea», que se desenvolverán os vindeiros días 22, 23, 24, 29, 30 e 31 e que contarán coa participación de nove restaurantes. Os «menús lampreeiros», que se poderán degustar previa reserva, terán un prezo de 30 euros/persoa.

A actividade divulgativa denominada «Máis alá das nasas – Descubrindo a lamprea a través do xogo», levouse a cabo nos centros educativos de Pousada, Arretén, Pontecesures, Extramundi e A Escravitude. Nela, os cativos interpretaron un conto vivo con explicacións sobre a lamprea e posteriormente elaboraron debuxos de lampreas que xa están a exhibirse en diferentes establecementos do centro de Padrón. Estes debuxos serán protagonistas o venres a partires das 17.30 horas nunha xincana da lamprea orientada ao público infantil, que terá que localizar os diferentes debuxos. Ademais, estas actividades divulgativas inclúen unha nova sesión de traballo na que os escolares elaborarán os materiais para «Os xogos da lamprea».

Nove restaurantes

Nesta quinta edición das Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón, os establecementos que ofrecerán «menús lampreeiros» son os seguintes: Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante A Casa dos Martínez, O Alpendre, Bar Cafetería H2O, Restaurante Gaia (A Casa da Corredoira) e Os Carrisos. Entre todos eles poderanse degustar alomenos unha quincena de pratos elaborados con lamprea, sendo a «lamprea á bordelesa» a receita máis común.

Padrón acolle do 22 ao 31 de marzo as «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea»

lamprea-padron

Nove restaurantes do municipio ofrecerán «menús lampreeiros», previa reserva, a un prezo de 30 euros

 

A programación de actividades coordinada polo concello inclúe actividades divulgativas nos centros educativos, obradoiros para aprender a facer empanadas de lamprea, rutas e escapadas turísticas e un concurso de empanadas de lamprea

 

A Concellaría de Turismo de Padrón, que dirixe Lorena Couso Dopazo, vén de programar para as fins de semana do 22, 23 e 24 e do 29, 30 e 31 de marzo as «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea«, que contarán coa participación de nove restaurantes e que incluirán diferentes actividades divulgativas, lúdicas e culinarias.

Nesta quinta edición, os establecementos que ofrecerán «menús lampreeiros«, previa reserva e a un prezo de 30 euros por persoa, son os seguintes: Restaurante O Secreto, Restaurante Scala, Restaurante Chef Rivera, Casa Farrucán, Restaurante A Casa dos Martínez, O Alpendre, Bar Cafetería H2O, Restaurante Gaia (A Casa da Corredoira) e Os Carrisos. Entre todos eles poderanse degustar alomenos unha quincena de pratos elaborados con lamprea, sendo a «lamprea á bordelesa» a receita máis común.

A maiores desta oferta culinaria, as «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea» inclúen actividades divulgativas sobre a lamprea nos centros educativos de Padrón durante os meses de febreiro e marzo; unha xincana da lamprea o venres 23 de marzo ás 17.00 horas, orientada ao público infantil e familiar e que require inscrición previa na Biblioteca antes do 21 de marzo (981 810 761 ou biblioteca@padron.gal); e un obradoiro para aprender a preparar empanadas de lamprea, que terá lugar o sábado 24 de marzo ás 17.00 horas no edificio de Servizos Sociais -é gratuíto, pero require inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono 646 59 33 19 ou por correo electrónico no enderezo turismo@padron.gal.

Ademais, tamén está previsto o venres 29 de marzo ás 20.00 horas un concurso de empanadas de lamprea, que será gratuíto pero que precisa inscrición previa na Oficina de Turismo antes do mércores 27 de marzo. Os participantes optarán a un total de 600 euros en premios, repartidos nun primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros.

Ruta da lamprea en Herbón e escapadas en Padrón

A programación de actividades coordinada pola Concellaría de Turismo tamén inclúe unha ruta da lamprea en Herbón o sábado 30 de marzo, que arrancará ás 10.00 horas desde o convento franciscano cunha visita guiada e que consistirá nun percorrido de aproximadamente unha hora de duración, coa participación dun biólogo que aportará un enfoque medioambiental á visita. Esta actividade é de balde pero as prazas son limitadas e precisa reserva previa na Oficina de Turismo.

Por último, en colaboración co operador Galicia Es Mas organizaranse escapadas en Padrón para as dúas fins de semana destas «V Xornadas Gastronómicas da Lamprea«, que inclúen as actividades de balde do programa e o aloxamento nun hotel de tres estrelas por un importe desde 28 euros por persoa.

Premiados no Concurso de empanadas de lamprea de Padrón

O Concello de Padrón concedeu o pasado venres 9 de marzo os premios do Concurso de empanadas de lamprea no Auditorio municipal aberto a todo o público e que contou con 600€ en premios

concurso-empanadas-lamprea-padron

No primeiro andar do Auditorio Municipal do Concello de Padrón, sendo as vinte horas do día nove de marzo de dous mil dezaoito, asisten Lorena Couso Dopazo, concelleira de Turismo de Padrón, don José Antonio Rivera do restaurante Chef Rivera de Padrón, don Ángel Rodríguez do restaurante O Santiaguiño de Padrón, don Óscar Vidal do Restaurante o Asador O Pazo, e don Miguel Piñeiro, escritor e xornalista especializado, e Alberto Rey Castro, técnico de turismo como secretario do acto, co obxecto de proceder a valorar as empanadas do Comcurso de empanadas de lamprea IV Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón celebradas os días 2, 3, 4, 9, 10, e 11 de marzo de 2018 e outorgar os premios do xurado.

Tras probar todas as 8 empanadas que se presentaron, o xurado decidiu o seguinte:

1º premio a Carmen Castaño Solar cun total de 50 puntos e 300,00€ de premio.

2º premio a Marina Rial Pérez cun total de 42 puntos e 200,00€ de premio.

3º premio a Nuria María Moares Boquete cun total de 35 puntos e 100,00€ de premio.

A entrega dos premios e diplomas aos gañadores, entregáronse o mesmo venres 9 de marzo no Auditorio Municipal Salón de Padrón, ás 20:30 horas.

600 euros en premios para o concurso de empanadas de lamprea en Padrón

O Concello de Padrón realiza este venres 9 de marzo ás 20h un Concurso de empanadas de lamprea no Auditorio municipal aberto a todo o público e que conta con 600€ en premios

lamprea-padron

Dentro das IV Xornadas gastronómicas da lamprea de Padrón o consistorio organiza este evento co obxectivo de poñer en valor este produto gastronómico de gran tradición na localidade, onde é típico realizar a empanada en Timbal, (coma aparece no cartaz promocional do concurso) coa lamprea enteira da empanada.

Desta forma tamén se pretende recuperar un concurso de empanadas de lamprea que xa se viña realizando na década dos 90 polas festas da Pascua, e que tiña un grande éxito de participación.

Este ano o xurado estará composto por don José Antonio Rivera do restaurante Chef Rivera de Padrón, don Ángel Rodríguez do restaurante O Santiaguiño de Padrón, don Óscar Vidal do Restaurante o Asador O Pazo, e don Miguel Piñeiro, escritor e xornalista especializado, que repartirán 600€ en premios, sendo 300€ para o primeiro premio á mellor empanada de lamprea; seguidos por un segundo premio valorado en 200€ e un terceiro en 100€.

Trala entrega dos premios, as empanadas do concurso poderán ser degustadas polo público asistente.

Actividades das Xornadas Gastronómicas da lamprea en Padrón, 2 ao 4 de marzo

Xa non queda nada para as próximas Xornadas da Lamprea en Padrón. Lembramos as próximas actividades:

actividades-didacticas-lamprea

 

Venres 2 de marzo, actividade en familia cunha ximcana.

Obradoiro aberto para toda a familia, que de xeito conxunto, poderán aprender todos os segredos que agocha a lamprea.

Realizaranse diferentes probas periodísticas, entrevistas e xogos na Biblioteca Municipal de Padrón e polo casco histórico de Padrón, descubrindo todo o que nos ofrece este animal.

 

 

 

 

taller-de-cocina

 

Sábado 3 de marzo, curso de cociña con lamprea. Sabes limpar e preparar a #lamprea? Din que é o proceso máis importante para que a lamprea cociñada teña un bo sabor…

Este ano, e tras o éxito do ano pasado, volvemos a organizar un curso de cociña no que poderás aprender ese proceso, e ademais, poderemos formar parte dun grupo e cociñar a lamprea…

O taller, dirixido por Rocío Garrido, será o sábado 3 de marzo ás 17.00 h. As prazas son limitadas polas propias características do obradoiro, os asistentes serán por orden de inscrición.

Descubrindo as terras de Herbón entre pementos e lampreas…

Unha das actividades principais destas Xornadas Gastronómicas da Lamprea en Padrón, é a excursión de medio día polas terras de Herbón

ruta-lamprea-herbon

Itinerario de medio día polas beiras do río Ulla para coñecer a historia da lamprea e do pemento en Herbón. Os Pais Franciscanos guiarannos polo seu Convento de San Antonio de Herbón, moi vinculado á lamprea, a ‘Raíña do Ulla’. Acompañados por unha guía especializada, visitaremos as zonas de captura da lamprea do río Ulla: pesqueiras de Herbón.

Realizaremos unha pequena andaina pola Ruta do Pemento de Herbón (1 hora aproximadamente). No final da mañá, degustaremos a lamprea preparada con diferentes receitas. A degustación é opcional (ten un prezo de 10€ previa reserva antes do 7 de marzo).

10.00 h. Saída de Padrón en autocar cara a Herbón

10.30 h.Visita ao Convento Franciscano de Herbón

11.45 h. Andaina pola Ruta do Pemento de Herbón. Visita ás pesqueiras

13.00 h. Traslado a Padrón

13.30 h. Degustación da lamprea para persoas que teñan reserva

Opcional e recomendable: Menú de degustación de lamprea en Padrón. 25 € / persoa

Prezo excursión: De balde (sen degustación) previa inscrición antes do 7 de marzo. Con degustación: 10€ a pagar por transferencia bancaria.

Inclúe:

Andaina pola Ruta do Pemento e visita ás pesqueiras con guía acompañante

Degustación de lamprea e viño (opcional previo pago de 10€)

Visita guiada ao Convento de Herbón polos Pais Franciscanos

Seguro de básico de viaxe

+ info e reservas: Oficina de Turismo de Padrón

turismo@padron.gal /
646 59 33 19

 

Chegan as IV Xornadas Gastronómicas da lamprea en Padrón

Lamprea Padrón

Nove restaurantes ofrecen «menús lampreeiros» nas IV Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón

Os menús, que ofrecen ata unha quincena de maneiras diferentes de preparar a lamprea, poderán degustarse previa reserva cun prezo de 25 euros por persoa

– A programación de actividades complementarias organizadas pola Concellería de Turismo inclúe desde un concurso de empanadas de lamprea ata obradoiros de cociña

10 de febreiro de 2018.- A Concellería de Turismo de Padrón comezou hoxe a promocionar as «IV Xornadas Gastronómicas da Lamprea de Padrón«, que nesta edición inclúen preto dunha decea de actividades culinarias e de lecer e que contan coa participación de nove restaurantes locais, que serán os encargados de preparar os «menús lampreeiros» nas fins de semana dos días 2, 3, 4 e 9, 10 e 11 de marzo.

A concelleira de Turismo, Lorena Couso, avanzou que estas cuartas xornadas comezan xa neste mes de febreiro coa celebración de actividades divulgativas sobre a lamprea nos centros educativos de Padrón. Pero, sen dúbida, uns dos principais atractivos son os «menús lampreeiros» que ofrecerán, previa reserva e cun prezo de 25 euros por persoa, os seguintes restaurantes: O Secreto, Scala, Chef Rivera, Casa Farrucán, O Alpendre, Bar Cafetería H2O, A Casa dos Martínez, Flavia e Gaia «A Casa da Corredoira».

Entre todos eles poderanse degustar ata unha quincena de maneiras diferentes de cociñar a lamprea: lamprea á bordelesa, fideuá de lamprea, croquetas de lamprea, empanada de lamprea, lamprea «como lle gustaba ao cura de Rois», carpaccio de lamprea, etc.

Actividades desde o 2 de marzo
Ademais das accións divulgativas nos centros educativos, desde o venres 2 de marzo desenvolveranse outras actividades culinarias e turísticas. O propio 2 de marzo está prevista na Biblioteca Municipal unha xincana xornalística da lamprea orientada a todos os membros da familia. Para asistir é preciso inscribirse previamente, de forma totalmente gratuíta, antes do día 28 de febreiro, ben na propia biblitoeca ou ben chamando ao teléfono 981 810 761.

O sábado 3 de marzo celebrarase un obradoiro de cociña da lamprea con Rocío Garrido, que terá lugar a partires das 17.00 horas no edificio de Servizos Sociais, a carón da igrexa de Santiago. Esta actividade é de balde, pero require inscrición previa ou na Oficina de Turismo ou enviando un correo electrónico ao enderezo turismo@padron.gal.

Xa o domingo 4 de marzo está programada a andaina «Pedronía-Camiño sagrado» desde Santiago ata Padrón, que está organizada en colaboración con Galicia es+ e que inclúe un guía acompañante, unha visita ao Pedrón e viacrucis cara ao Santiaguiño do Monte. Esta actividade é de balde para as persoas que se apunten antes do 24 de febreiro (676 814 674 ou reservas1@galiciaesmas.com).

Concurso de empanadas de lamprea
Outra das actividades previstas é un concurso de empanadas de lamprea, que se celebrará o 9 de marzo ás 20.00 horas, pero que pechará o prazo de inscrición o día 1 de marzo. Os participantes poderán optar a un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros. As bases do concurso pódense consultar na Oficina de Turismo.

O sábado 10 de marzo tamén está programada unha ruta da lamprea en Padrón, que inclúe a visita ao convento franciscano de Herbón e ás pesqueiras de lamprea dos arredores, no río Ulla. Esta actividade é gratuíta, agás para os participantes que queiran participar nunha degustación de lamprea, que terán que pagar 10 euros por persoa. As reservas deberanse realizar na Oficina de Turismo de Padrón, en turismo@padron.gal e no teléfono 646 593 319.

Por último, as dúas fins de semana nas que se ofrecen os menús lampreeiros, a operadora Galicia es+ oferta un paquete de «escapadas en Padrón» que, desde 28 euros por persoa, inclúe as actividades de balde da programación e o aloxamento nun hotel de tres estrelas. As reservas destas escapadas poden efectuarse no teléfono 676 814 674 ou a través do correo electrónico reservas1@galiciaesmas.com.

Padrón conciencia aos escolares sobre a necesidade de conservar a lamprea e as súas tradicións

lamprea-Padron-didacticoEsta fin de semana será a última das III Xornadas Gastronómicas, que inclúen menús e actividades culturais e de lecer arredor deste peixe

As III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea” inclúen na súa programación actividades divulgativas nos centros educativos do municipio, co obxectivo que os máis pequenos coñezan os valores culturais arredor deste singular peixe.

Concretamente, este programa de promoción da lamprea entre escolares busca concienciar aos máis pequenos da vila sobre a necesidade conservar unha tradición que conta con séculos de historia: a captura deste singular peixe nas pesqueiras de Herbón.

A proposta divulgativa diríxese ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º curso de Educación Primaria dos C.E.I.P. Flavia e Rosalía; e consistirá no desenvolvemento dun traballo de investigación ao redor dos seguintes bloques temáticos: artes de pesca da lamprea, comercialización, xeitos de cociñar e de conservar, e vida e percorrido deste peixe. Para facer a investigación, os estudantes dividiranse por grupos, cursos e aulas.

Entre os traballos presentados seleccionarase un grupo gañador por curso, o cal terá a oportunidade de dar forma á súa iniciativa a través dunha montaxe audiovisual. Este vídeo poderá ter formato de entrevista, programa culinario, anuncio  publicitario ou sesión expositiva.

Última fin de semana do #PadrónLampreeiro

Os próximos 17, 18 e 19 de marzo celebrarase a segunda e última fin de semana das III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”, organizadas pola Concellería de Turismo do Concello de Padrón e nas que se poderán degustar un total de 10 menús diferentes en 9 restaurantes do municipio.

Como actividades paralelas do #PadrónLampreeiro, o sábado 18 de marzo se desenvolverá un obradoiro de cociña dirixido por Manuel Garea, quen descubrirá aos participantes as diferentes maneiras de preparar este manxar. No desenvolvemento da actividade empregaranse produtos cedidos pola empresa Obrador de Lamprea.

Ese mesmo día tamén está programada unha excursión ás zonas de captura de lamprea que incluirá degustación, servizo de autocar e guía. Finalmente, para as persoas que desexen pasar a noite en Padrón durante a fin de semana, existe a posibilidade de reservar escapadas.

Máis información sobre as Xornadas e as actividades na web: www.terrasdeiria.com/lampreapadron.

O valor gastronómico e cultural da lamprea, a debate en Padrón

lamprea-padron

Unha mesa redonda abre a programación de actividades das III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”

 

Un produto singular con posibilidades gastronómicas ilimitadas, un grande valor cultural e un importante potencial turístico. Estas foron as principais ideas expostas na mesa redonda titulada “A lamprea, unha xoia da gastronomía galega”, celebrada este venres no Auditorio de Padrón e que supuxo o comezo do programa de actividades das III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”.

O xornalista e escritor Miguel Piñeiro foi o encargado de moderar ese debate, no que participaron 5 relatores procedentes de diferentes ámbitos: Xosé Antonio Rivera (Chef Rivera), Benigno Campos (do programa Larpeiros da TVG), Miguel Vila (escritor e crítico gastronómico), Javi Mos (do ámbito das redes sociais) e Juan Carlos Alonso (do blog Gastronomía en Verso). Nas diferentes intervencións, os relatores expuxeron as súas experiencias persoais e profesionais e aproveitaron para desmontar algúns dos principais prexuízos que existen ao redor da lamprea. Ademais, animaron a probar este peixe de “textura singular” a todas aquelas persoas que aínda non o teñan degustado.

No transcurso do debate quedou constatada a fonda vinculación entre a lamprea e Galicia, especialmente as áreas xeográficas do Ulla e o Miño. Desta antiga relación derívase unha tradición que tamén deixa espazos para accións innovadoras: sempre que se manteña a calidade, as dúas posibilidades (tradición e innovación) son complementarias.

Ademais do potencial gastronómico que presenta este recurso, durante a celebración da mesa redonda se destacou o seu valor patrimonial. Nese senso, aludiuse ás oportunidades de fomento da actividade turística e cultural que poden aproveitar os territorios lampreeiros.

Como retos de futuro, abordouse a necesidade de actuar con responsabilidade sobre o medio ambiente, a fin de asegurar o futuro dun recurso que os relatores non dubidaron en cualificar como unha “xoia” da gastronomía de Galicia.

III Xornadas Gastronómicas Padrón Sabor a Lamprea

Co debate celebrado este venres deron comezo as III Xornadas Gastronómicas “Padrón Sabor a Lamprea”, que se celebran durante as fins de semana do 10, 11 e 12 e do 17, 18 e 19 de marzo. Durante estes días, poderanse degustar de 10 menús diferentes elaborados por 9 locais hostaleiros.

De xeito paralelo á oferta gastronómica desenvolveranse diferentes propostas divulgativas, culturais e de lecer; así como escapadas de fin de semana.

Máis información sobre as xornadas e as actividades na web: www.terrasdeiria.com/lampreapadron.